Mehdi Nafti falou sobre posible fichaxes: "Se nos próximos días hai oportunidade, farémolo, pero non me quita o sono"
Publicado o 29/01/2021 17:09
O adestrador do Lugo, Mehdi Nafti, asegurou que esta semana o seu equipo centrouse en si mesmo e non no seu próximo rival, o Leganés, polas experiencias negativas previas que tivo o conxunto galego ante rivais que estreaban corpo técnico.
"Restamos importancia ao rival esta semana, con todos os seus matices, e imos darnos importancia a nós", explicou nunha rolda de prensa.
Sobre as posibles fichaxes dixo: "Este mercado de inverno a min non me preocupa tanto porque non estamos ante necesidades drásticas, tremendas, á hora de poder incorporar. Se nos próximos días hai oportunidade de incorporar un futbolista para mellorar o que temos, farémolo, pero non me quita o sono", sentenciou.