CRTVG

Buscar

A siderúrxica Megasa paraliza a produción na quenda de mañá polo custo da enerxía

Publicado o 16/10/2021 10:11

A primeira siderúrxica de Galicia, Megasa, vai limitar a producion ás horas coa enerxía máis barata. Fontes da empresa, con base en Narón, aseguran que este cambio non lle vai afectar á continuidade do cadro de persoal.

A suba da factura da luz forza a siderúrxica a concentrar o seu traballo nas horas nas que a electricidade é máis barata: de madrugada, durante as fins de semana e nos festivos. Segundo a compañía, o "prezo do megawatt está fóra dos parámetros da produción".

Malia que non se sabe aínda a data, a dirección comunicoulle ao persoal que será o antes posible, non máis tarde do 1 de novembro. Tamén asegura que non haberá ningunha medida laboral parella á parada na produción e que a quenda de mañá dedicarase a outras tarefas, sobre todo de mantemento.

Outros casos

A situación repítese noutras multinacionais, como Sidenor ou AcelorMittal. Dúas das factorías desta última multinacional en Euskadi vanse ver afectadas polos peches temporais que esta empresa ten previsto facer en Europa, paradas relacionados co alto custo da enerxía eléctrica.

Este anuncio súmase ao que xa fixera a empresa vasca de aceiro Sidenor, que parará a produción polo menos vinte días.

Noticias web

16/10/2021