Megasa limitará a produción ás franxas horarias co prezo da enerxía máis barata
Megasa prepárase para limitar a súa produción a aquelas franxas en que o prezo da enerxía resulta máis barata. A planta de Narón producirá de madrugada, nas fins de semana e tamén en festivos. E faino para poder manter a súa actividade nun momento en que a factura da luz dispara os custos das grandes consumidoras eléctricas. Outras siderúrxicas como Sidenor ou Arcelor Mital xa anunciaron que pararán a súa actividade durante varios días.
Cos prezos da enerxía que case triplican a media dos últimos anos, a produción de aceiro na principal siderúrxica de Galicia complícase. Megasa axusta a produción en plena escalada da luz e trasladará a actividade a aquelas franxas horarias en que a enerxía é máis barata. Esta medida é, nun principio transitoria, e non repercutirá nos 130 empregos directos da siderúrxica.
Aínda así, os traballadores ven o futuro con preocupación e incerteza. Megasa produce ao ano preto de 400.000 toneladas de produtos de aceiro, a maior parte destinados á exportación.