Megasa adapta a produción aos tramos máis baratos para reducir a factura enerxética
Megasa, con base en Narón, adaptará a súa produción para tratar de reducir o impacto da factura enerxética no seu balance económico. A empresa xa iniciou os preparativos para operar nos tramos horarios máis baratos.
Os traballos de fundición realizaranse unicamente durante a noite e nas fins de semana e mais as xornadas festivas. Inicialmente, a medida non vai repercutir sobre o cadro de persoal, formado por 130 empregados, xa que a intención é manter todas as quendas de traballo.
Aínda non está fixada a data para a aplicación desta medida, pero, segundo confirma o comité de empresa, a multinacional do aceiro quere comezar antes de que remate o mes.
Megasa produce anualmente preto de catrocentas mil toneladas de aceiro, a maior parte destinadas ao mercado exterior. Este ano mantivo uns niveis de produción altos pola forte demanda de materias primas e mesmo deu saída a boa parte do seu stock.
Con este novo sistema produtivo incorpórase á listaxe das chamadas empresas electrointensivas que buscan fórmulas para amortecer as consecuencias da escalada dos prezos da luz. O sector estima que este ano pagará ao redor de 1.500 millóns de euros máis en luz que os seus competidores europeos.