CRTVG

Buscar

Medran os casos positivos nos gromos de Monforte e de Ordes

Publicado o 21/08/2021 20:24

O gromo detectado en Monforte supera os 60 positivos. O Sergas está a cribar os seus contactos estreitos na busca de máis casos. Os contaxiados son sobre todo mozos de entre 16 e 18 anos. A orixe do gromo podería estar nos festexos e botellóns que tiveron lugar a pasada fin de semana. O gromo exténdese tamén por algúns municipios próximos, coma Sober e Pantón.
Ramón Ares. Xerente da área sanitaria de Lugo, Monforte e A Mariña: "Son en reunións e festas de grupos sen as medidas de seguridade polo que costa máis a trazabilidade tamén costa que nos den toda a información dos seus contactos"

As autoridades sanitarias vixían tamén o gromo detectado nun establecemento de hostalería da praia de Altar, na parroquia de San Cosme de Barreiros. Neste abrocho os afectados tamén son xente nova, de entre os 16 e os 20 anos.
Dous deles están ingresados en planta no Hopital Público da Mariña, en Burela. Permanecen estables.

Gromo tamén no concello de Ordes que multplicou por catro os contaxios nos últimos sete días. Tamén podería estar relacionado coas festas da pasada fin de semana. No concello hai 97 casos e a incidencia acumulada a 14 días dispárase por riba dos 760 casos por cada cen mil habitantes. O martes eran doce os contaxiados e hoxe son 85 máis.
Moitos destes casos detectáronse no cribado realizado onte na localidade. Houbo 30 positivos entre o medio milleiro de mozos de entre 16 a 24 anos que acudiron á proba, o 45% dos que estaban convocados.

Noticias web

21/08/2021