CRTVG

Buscar

Medran os casos na área de Ferrol e estabilízase o gromo dos braceiros de Castro de Rei

Publicado o 13/08/2020 14:18

A área sanitaria de Ferrol pasou de ter sete casos o luns aos 29 de hoxe, debido á aparación de dous gromos. Aínda así, segue a ser a de máis baixa incidencia de Galicia. Desde a área sanitaria de Ferrol dan por feito que se van incrementar nas próximas horas ante a cantidade de probas PCR que se están a practicar nos distintos municipios.

Das dúas repuntas, a que máis preocupa é do campamento infantil de Cerdido. Son tres monitores, dous nenos, e os demais familiares dos cativos e contactos destas persoas. A outra repunta de Ferrol ten relación cunha viaxe desde Valencia nun mesmo coche de varias persoas.

Pero veñen novas tranquilizadoras do gromo de Castro de Rei. Nas probas realizadas onte a 110 xornaleiros que traballan no mesmo invernadoiro que os seis infectados deron todas resultado negativo.

Rafael Monte, director asistencial da área sanitaria de Lugo, Cervo e Monforte, di que son novas favorables e que canda menos parece que o gromo está acoutado.

"Non agardamos que a repunta vaia a máis", di.

Os seis positivos permanecen confinados con outras 50 persoas no seu domicilio en Castro. Hoxe vanse realizar probas a outro cento de temporeiros que traballan noutro invernadoiro da mesma empresa de cultivo de froitos vermellos.

Na Mariña de Lugo quedan uns 30 casos activos polo que considera que entrou xa en fase de resolución.

En Ourense, faleceu un home de 90 anos que ingresara no CHUO por covid-19 pero con patoloxías previas e que era o marido da muller de 91 anos que finou o pasado venres pola mesma causa. Ambos infectáranse no gromo de Vilar de Barrio.

Noticias web

13/08/2020