Medran os casos de estrés e ansiedade coa irrupción do teletraballo
Hoxe entra en vigor a lei que regula o teletraballo, que terá que ser voluntario e reversible. Esta modalidade de traballo desde a casa estendeuse na pandemia pola súa flexibilidade, pero os expertos advirten de que pode provocar estrés e ansiedade.
Traballar desde a casa pode ser unha ferramenta de utilidade para protexer a nosa saúde física en tempos de pandemia, pero a saúde mental pode saír tocada cando o cambio chega sen a necesaria preparación mental e organizativa que implica ter a oficina no fogar.
Estrés, ansiedade e depresión son patoloxías que poden xurdir como consecuencia do teletraballo cando non houbo este proceso de adaptación, coméntanos a psicóloga Libertad Culebras.
O malestar pode aumentar entre os que teñen os fillos e familiares na casa, pero os que viven sós tamén poden padecer a ausencia de contacto social. Os expertos aconsellan pedir axuda ante os primeiros síntomas de estrés e non agardar a que as cousas vaian a peor.
Libertad Culebras destaca que "sen saúde mental non hai saúde". "Unha enfermidade mental pode ser tan incapacitante como unha enfermidade física, así que temos que prestar atención a nós mesmos, ver como estamos, e pedir apoio. Pedir apoio non significa nin vulnerabilidade nin fracaso", engade.
Trátase de impedir que a nosa saúde mental sexa unha vítima máis da pandemia, e de tirar partido das numerosas vantaxes que pode ofrecer o teletraballo, tanto para os traballadores como para as empresas.