CRTVG

Buscar

Medra a presión hospitalaria en Galicia pero baixan os contaxios e as infeccións

Publicado o 15/08/2021 21:19

• Falecen dúas persoas diagnosticadas con coronavirus 

• Son 323 (+14) os enfermos nos hospitais, con 61 nas UCI, catro mais

• Os casos activos son 14.055, con 620 persoas menos co virus

 

A xornada, nun momento considerado sensible polas autoridades sanitarias na ponte do 15 de agosto, deixa datos que indican que a quinta vaga da covid prosegue o seu repregue, pero pola contra prodúcese un incremento da presión hospitalaria.

Descenden os contaxios diarios por baixo dos 700, con 654 diagnosticados en todas as probas realizadas, con datos recollidos ata as 18 horas do sábado, o que contribúe ao paulatino recorte das infeccións que se sitúan en 14.055, con 621 persoas menos con covid respecto da xornada previa. O virus remite pero segue presente, aínda que deixa atrás as case 20.000 infeccións rexistradas a finais de xullo

Repunta, iso si, a presión asistencial despois da caída de ingresos da xornada anterior. Hai 323 persoas nos hospitais (+14) atendidas por covid. Delas 262 permanecen illadas en habitacións en planta (+10) e hai 61 pacientes en críticos (+4)  con atención intensiva. Datos de incremento sobre as 24 horas anteriores.

Nas residencias de maiores hai 78 usuarios con infección activa, dous menos ca onte. O centro con máis casos segue a ser a residencia García Hermanos de Betanzos, con 28 casos positivos. Os centros de atención a persoas con discapacidade continúan a ter 14 contaxiados.

E os falecidos por coronavirus durante a pandemia son 2.516 persoas despois de que o Sergas notificara dúas novas mortes esta xornada: o dun home de 84 anos ingresado no Hospital de Pontevedra e o dunha muller de 92 anos no Comarcal de Verín.

Situación por áreas sanitarias

Segue o descenso das infeccións activas por coronavirus en todas as xerencias hospitalarias, cunha diminución mais acusada nesta xornada en Vigo (-270)  e en Pontevedra (-108). En Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago prodúcese nas ultimas 24 horas o ingreso dun enfermo máis que precisa atención intensiva en cada unha delas.

A Coruña : 4.416

Ferrol : 918

Lugo : 1.475

Ourense : 896

Pontevedra : 1.532

Santiago : 1.439

Vigo : 3.379