Cinco persoas morreron xa na residencia de Vimianzo, que conta cun 70 % de contaxios
Continúan aumentando os contaxios na residencia de maiores que DomusVi ten en Vimianzo. 98 ususarios e 19 traballadores están infectados, case o 70 % da residencia. A isto hai que engadir un novo falecido, un home de 92 anos sen patoloxías previas. Con este xa son cinco os residentes que perderon a vida a causa da covid nesta residencia dende que comezou a pandemia.
As autoridades sanitarias están preocupadas pola elevada incidencia; unha preocupación que tamén comparten os veciños da zona.
No concello de Vimianzo o número de casos por cada cen mil habitantes segue por riba dos 250 malia que levan case tres meses con peche perimetral e restricións de ocupación en comercio e hostelería. Agardan que este ano que acaba de comezar a situación mellore.
O Sergas reforzou o centro de saúde de Vimianzo cun médico e unha enfermeira para facer seguimento dos casos activos que hai no concello e que ascende xa a 122.