CRTVG

Buscar

Medra a compravenda de vivenda e os prezos en Galicia mantéñense estables

Publicado o 14/05/2019 19:50

O prezo da vivenda subiu máis dun 8% no primeiro trimestre do ano. E, a pesar diso, as compravendas aumentaron en case un 4% nese período. É o segundo mellor resultado de actividade inmobiliaria dende 2008. En Galicia nótase tamén a recuperación, pero os prezos están máis estables.

A compravenda de vivenda medrou en España un 4% no primeiro trimestre do ano.
O sector inmobiliario empeza a notar a recuperación, a pesar de que os prezos tamén medran. En todo o país, os pisos subiron un 8,7% nos primeiros tres meses do ano. Agora mesmo, a vivenda está un 34% máis cara ca no 2014, cando a crise inmobiliaria marcou mínimos históricos. En Galicia tamén se nota a recuperación do mercado inmobiliario. Pero aquí os prezos continúan estables.

Santiago Doueihi Mohrez, inmobiliaria Quatrium: "As vendas aumentaron con respecto ao ano pasado pero non os prezos, que se negociaron pero no nivel de vendas si que notamos un aumento e foron a mellor".

Nos últimos 12 meses inscribíronse nos rexistros da propiedade máis de medio millón de compravendas. Son os mellores datos da última década. A gran maioría destas vivendas son de segunda man. Pero tamén se está reactivando o mercado de obra nova.

Santiago Doueihi Mohrez, inmobiliaria Quatrium: "Normalízase o mercado. Creo honestamente que si. Hai xente que ten aforros e que os inviste e outros que recorren ao sector financeiro e van a hipotecas. A recuperación nótase e para ben".

As vendas de vivenda a estranxeiros mantéñense estables. Os británicos son os que máis invisten no sector.

Noticias web

14/05/2019