CRTVG

Buscar

Medo entre os produtores de porcino de Lugo a que o xabaril contribúa a estender a peste

Publicado o 11/02/2019 14:20

Ademais dos danos que causan nas colleitas e dos accidentes de tráfico que provocan, os xabarís poden supoñer un novo problema, xa que Unión Europea advirte da posibilidade de que os animais propaguen a peste porcina africana. Os especialistas advirten que un só foco da peste pode levar ao sacrificio obrigatorio de milleiros de cochos. Os máis expostos ao contaxio son os exemplares de porco celta que viven nas fragas e poden ter contacto directo co xabaril.

Os porcos celtas que andan soltos polas fragas e soutos de Galicia entran con frecuencia en contacto cos xabarís. Por exemplo, nesta explotación de Cospeito dúas femias quedaron preñadas deses animais. Pero ese contacto pode ser un perigo para os rabaños xa que, segundo os especialistas da UE, os xabarís poden ser o principal foco de contaxio da peste porcina africana. Trátase dunha das máis graves doenzas que poden afectar os porcos porque causa unha alta mortalidade. Polo de agora a praga aínda non chegou a Galicia pero os responsables das explotacións xa están a tomar as medidas necesarias para que a enfermidade non entre na cabana galega.

Hai que aplicar medidas de limpeza e mesmo facer corentenas se é preciso. O manexo é clave para evitar a enfermidade.

Os primeiros casos de peste porcina africana en Europa foron detectados recentemente en Bélxica. En caso de que se detecte un foco, é preciso sacrificar todos os animais da explotación para evitar que a enfermidade se propague. Ese sacrificio tería un enorme custo económico para os donos das granxas e, no caso do porco celta, botaría por terra un traballo de décadas para trazar a xenealoxía da especie. Todos os expertos sinalan que a poboación de xabarís en Galicia é excesiva, como proba o feito de que xa andan ceibes por cidades como Lugo ou Ferrol. Con todo, o xabaril non é o único risco de contaxio da peste.

Hai que ter moito coidado con todo o que vén das zonas afectadas. Calquera elemento pode estar contaminado e contaxiar os animais.

A peste porcina africana é mortal para os cochos pero non ten ningún tipo de incidencia nas persoas, que mesmo poderían comer a carne dos animais afectados sen consecuencia ningunha.



 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/02/2019