CRTVG

Buscar

Sánchez podería realizar cambios nos ministerios despois dos indultos

Publicado o 04/06/2021 08:54

O Goberno sae ao paso das diferentes informacións xornalísticas que nas últimas horas apuntaban a unha posible remodelación do executivo cun comunicado en que nega que Pedro Sánchez estea planeando modificar o seu gabinete de ministros. A noticia saltaba á tardiña. Varios medios dixitais, El Español e eldiario.es, informaban de que Pedro Sánchez lles trasladara aos seus colaboradores que preparaba cambios no executivo, unha remodelación profunda que incluiría, din estas informacións, redución de ministerios e que se faría efectiva tras a concesión dos indultos aos presos do procés. Mesmo aseguraban que o presidente lle comunicara a Unidas Podemos, en concreto á vicepresidenta Yolanda Díaz, que debe elixir entre cesar o ministro de Consumo Alberto Garzón ou o de Universidades Manuel Castells. 

Pouco despois, a Moncloa emitía un comunicado para dicir que Sánchez está centrado na saída da pandemia, a superación da crise económica e a axenda de reencontro con Cataluña, pero non nunha hipotética crise de goberno. Di a nota: "Estes son os eixos principais en que está volcado o presidente e os seus ministros e ministras, e non en rumores ou comentarios, que só o presidente podería confirmar". 

E engade que, de acordo coa legalidade española, o xefe do executivo ten en exclusiva a prerrogativa e a iniciativa para formar ou modificar o seu gabinete, sen que un extremo así poida ser comunicado por outra vía que non sexa o propio presidente no tempo e forma que determine. Con todo, pouco despois, nunha entrevista á noite en Televisión Española, a vicepresidenta cuarta Teresa Ribera daba a entender que Sánchez si podería estar traballando nunha reestruturación do Goberno. Se finalmente se confirma a remodelación do Goberno, sería a terceira des que Sánchez chegou á Moncloa en 2018. 

Noticias web

04/06/2021