CRTVG

Buscar

Destinaranse 15 millóns á mellora de equipamentos contra o lume e contarase cun centro integral en Toén

Publicado o 21/11/2020 14:43

A provincia de Ourense con case 13.000 hectáreas queimadas este 2020 é a máis afectada cada anos polos incendios forestais. Por iso a Consellería de Medio Rural vai construír en Toén un centro integral de loita contra o lume. Un campus forestal que servirá para formar o persoal antiincendios, así como para mellorar a investigación. Así o anunciou o Conselleiro de Medio Rural durante a súa visita á base de helicópteros de Toén, onde acaban de construír unha nova balsa para a captación de auga.

Medio Rural conta con 15 millóns de euros máis de orzamento, que vai investir na modernización do servizo de prevención e extinción. Parte destes cartos destinaranse a este centro de formación que estará situado nos terreos cedidos pola comunidade de montes de Moreiras e Trelle, unhas 100 hectáreas que rodean o antigo edificio do hospital de Toén. Un centro pioneiro que contará tamén cunha aula mediaombiental para concienciar os alumnos e a sociedade en xeral da importancia da loita contra os lumes.

Ademais, segundo explicou o conselleiro de Medio Rural vanse mellorar tanto as instalacións como todo o equipamento e o parque móbil de vehículos e motobombas do servizo de prevención e extinción. Tamén anunciou que no primeiro semestre de 2021 estará rematada a nova Lei galega de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Noticias web

21/11/2020