CRTVG

Buscar

Medio centro de entidades asinan un acordo para recuperar o piñeiro

Publicado o 24/10/2018 20:13

O retroceso do piñeiro obriga o sector forestal a artellar un plan de pulo. Os donos de monte, empresas e institucións asinaron hoxe en Santiago un acordo para dinamizar a especie en Galicia. En total, son medio cento de asinantes. A diminución da superficie forestal de piñeiro provocou un forte descenso das existencias de madeira e un horizonte moi preocupante para industrias e empresas.

O plan conta con varios puntos estratéxicos: a diferenciación do prezo da madeira destinada a usos industriais de alto valor engadido, o impulso á mellora xenética de piñeiros, a implantación de modelos de silvicultura tecnicamente contrastados e a promoción do consumo desta madeira.

Francisco Dans del Valle, director da Asociación Forestal de Galicia: "Estamos todos de acordo en que hai que incrementar, hai que revalorizar a madeira de mellor calidade a rolla ten que ter mellor prezo. O piñeiro e as coníferas en xeral para poder competir en hoxe Galicia teñen que acurtar as quendas de produción. Non podemos estar pensando en que os posibles investidores se animen a gastar os cartos no monte se estamos a falar de quendas de 40 ou 50 anos". 

O que pretenden é tecer unha rede de cooperación en que van desenvolver iniciativas innovadoras con financiamento privado. Queren ter proxectos concretos a volta duns tres meses e tamén pactar uns prezos mínimos de referencia que animen aos produtores fronte aos baixo prezo actual.

Noticias web

24/10/2018