CRTVG

Buscar

Medio cento de feirantes irrompen no Concello pola decisión de cancelar as barracas do San Froilán

Publicado o 20/09/2021 14:21

Os ánimos fóronse caldeando entre os feirantes concentrados na Praza Maior de Lugo conforme se achegaba o momento de reunirse a comisión de festas. Unha vez celebrada a xuntanza e comunicada a decisión de prescindir do recinto feiral, medio cento de persoas irromperon na Casa do Concello, polo que foi precisa a presenza dunha decena de patrullas das policías local e nacional. Dende o colectivo sinalan que se privan unhas 200 familias dunha parte importante do seu sustento.

Ángel Gutiérrez, presidente da Unión de Industriais Feirantes de España: "Levamos tres meses esperando a que o valoren, cando xa decidiron hai tres meses que non se ía facer nada. Nós ímolo pasar moi mal, que son catorce días para nós de traballo, pero en Lugo é un ano enteiro outra vez sen barracas e sen San Froilán e sen polbo".

Dende a comisión de festas do Concello de Lugo comunicóuselles que a cancelación do recinto feiral do San Froilán obedece á imposibilidade de cumprir co protocolo establecido pola Xunta. A este respecto, os feirantes amosaron o seu malestar coa decisión tomada.

Carmen Fariña, feirante: "Estamos en contra totalmente. En toda España celebráronse festas con barracas e atraccións e nunha houbo problema ningún. Que se sabia, gromo ningún. Non sei por que aquí en Galicia non dá arrincado. É a única comunidade que ten problemas para traballar".

O máis importante, sinalan dende o Concello de Lugo, é garantir a seguridade de todos asistentes ás diversas actividades programadas para o San Froilán 2021.

Noticias web

20/09/2021