CRTVG

Buscar

Medio cento de concellos soben ao nivel medio-alto, malia non teren casos activos

Publicado o 14/01/2021 14:33

As únicas aglomeracións en Maside son as pequenas colas que se forman na farmacia ou no banco a media mañá. Catro ou cinco persoas agardando a súa quenda.

"Os veciños tamén colaboran, todos usan máscaras, as distancias, todos desinfectan as mans...", di unha veciña.

Neste concello de 2.700 habitantes o pico máximo ata o momento foi de catro casos activos, a finais de novembro. Levan toda a pandemia no nivel mínimo de restricións, pero a cousa cambia a partir de mañá. Acabáronse as visitas ao bar ao remate da xornada laboral.

"Saes de traballar, queres ir tomar un café ou unha cervexa coas túas precaucións... Pero agora, se pechan ás seis da tarde, aínda estás traballando", lamenta un cliente.

Onde non se vai notar, din os hostaleiros, é nas partidas de cartas ou dominó, unha tradición en vías de extinción nos bares rurais

Alejandro González González, hostaleiro de Maside: "A xente que xogaba, que era sobre todo a maior, colleulle medo. Tiñamos tres ou catro partidas, pero deixáronas".

Tamén o van notar os dous taxistas do concello. A Ourense e ao Carballiño só se pode ir por causas xustificadas.

Maximino Rodríguez Fernández, taxista: "Hai comercios no Carballiño que aquí non os hai, así que teñen que se desprazar, pero a xente anda con medo, sobre todo a maior".

En Galicia hai medio cento de concellos sen casos activos que pasan igualmente ao nivel medio-alto de restricións, a maioría nas provincias de Ourense e Lugo. Concellos rurais onde a distancia social vén imposta polo despoboamento: "Xa non hai xente, que se a houbese... A distancia é fácil de gardar, si. Hahaha", ri un veciño de Canedo, en Maside.

Agardan, malia a retranca, que as restricións manteñan o virus a raia.

Noticias web

14/01/2021