CRTVG

Buscar

Colectivos santiagueses, con Turismo e Cultura, comezan a preparar o Xacobeo 2021

Publicado o 11/02/2019 21:36

O Xacobeo 2021, segundo a Administración galega, será un dos eventos máis importantes dos próximos anos en toda España. Cómpre publicitar, pero tamén organizar e preparar. Por iso, comezan xuntanzas de traballo en toda Galicia. Esta tarde, en Santiago, reuníronse medio centro de representantes de institucións públicas e privadas con responsables de Cultura e de Turismo.

Para a Organización Mundial do Turismo, este axuda ao intercambio cultural, á conservación do patrimonio, á creación de actividades e ao aumento dos ingresos é especialmente evidente en España. E en toda España para os próximos anos, para a Administración galega, un dos principais reclamos para o turismo será o Xacobeo 2021.

Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Turismo: "Santiago vai ser o destino final de milleiros e millerios de persoas, de visitantes que van vir a Galicia gozar dos nosos atractivos turísticos e culturais. Por iso, temos que traballar xa en mellorar as nosas infraestruturas, os nosos servizos, as nosas actividades...".

Por iso, en Santiago e de Santiago, ata medio cento de representantes, amais de administracións, da cidadanía, sectores profesionais e sociais, institucións e colectivos, comezaron xa reunirse para pór común que esperan e que precisan, para que a nivel turístico e cultural, o Xacobeo 2021 reverta en beneficio de todos. Quérese medir e monitorizar o turismo e avánzase unha análise profesional universitaria de planificación e xestión de produtos e destinos.

Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Turismo: "Xa sacamos unha orde para apoiar proxectos de todo tipo impulsados por organizacións de todo tipo privadas ou públicas... E xa se está ultimando o Plan estratéxico do Xacobeo".

Para chamar a máis e a máis perfís de visitantes, tamén nas tempadas baixas e para os galegos, quérese integrar e visibilizar recursos da pegada xacobea, de patrimonio relixoso e civil, de museos, da Cidade da Cultura, da Universidade, do comercio, da artesanía, das festas, da natureza e da hostalería ou da enogastronomía.

Nava Castro, directora da Axencia de Turismo de Galicia: "Que visitantes e que galegos, amais da praza do Obradoiro, teñan moito máis do que gozar, por toda a cidade de Santiago, pero tamén por toda a comarca, por toda a provincia e por toda Galicia".

Por toda Galicia reuniranse axentes públicos e privados de cara ao novo e sustentable Xacobeo.

Noticias web

11/02/2019