CRTVG

Buscar

Medio cento de anciáns da residencia de Outeiro de Rei xa recibiron a alta

Publicado o 18/10/2020 14:54

Medio cento de usuarios da residencia de Outeiro de Rei acaban de recibir a alta. O centro pouco a pouco recupera a normalidade, logo de que a covid−19 chegase a afectar a case a totalidade de internos e a algo menos da metade dos traballadores.

Quedan aínda por recuperar 79 residentes, que deron positivo nas últimas probas, e once traballadores. O gromo de covid−19 detectado nesta residencia obrigou a Xunta a intervila o pasado 8 de setembro, despois de que se detectasen 149 anciáns contaxiados e catorce operarios. Con todo, o peor foron os vinteun internos que faleceron ao se contaxiaren.

Esta residencia de Outeiro de Rei foi unha das máis afectadas polo gromo de covid−19. É ademais a de maior capacidade da provincia de Lugo. Coa recuperación destes cincuenta residentes parece que se vai normalizando a situación.

Tamén no Incio van recuperando a normalidade, logo de que en pleno mes de agosto o coronavirus cobrara as primeiras vítimas entre os usuarios da residencia. Sete traballadores recibiron a alta nas últimas horas, logo de daren negativo nas probas de detección que lles fixeron. Outros dous volveron dar positivo.

Tamén se manteñen afectados outros dous operarios da residencia Orpea de Lugo e un da DomusVi de Viveiro.

Noticias web

18/10/2020