Medio Ambiente anuncia novas axudas para a loita contra as avespas velutinas
A Xunta asegura que o 96 % dos concellos galegos están adheridos ao plan de loita contra as velutinas. Grazas á colaboración da cidadanía, coas súas chamadas ao 012, no que vai de ano retiráronse máis de 9.500 niños en toda a comunidade. O número de avisos alertando da presenza de avespas asiáticas diminuíu un 23 % en comparación cos efectuados no 2020.
A Consellería de Medio Ambiente considera que os labores de trampeo contribuíron a esta redución. O ano pasado non foron posibles, por mor do confinamento. Esta primavera si se puideron levar a cabo estas tarefas, para capturar as raíñas e evitar a formación de novos niños.
"Os labores de trampeo están sendo realizados polas asociacións de apicultores e precisamente agora dende a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Rural, acaban de convocarse unhas liñas de axuda para adquirir líquidos atraentes, todo tipo de trampas para que poidan seguir realizando estes labores que dende longo son imprescindibles", asegura Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente.
O 80 % dos niños de avespas velutinas atópanse nas provincias da Coruña e Pontevedra, onde as condicións meteorolóxicas son máis favorables para esta especie invasora. A Consellería de Medio Ambiente lembra á cidadanía como debe proceder tras detectar a presenza destes insectos: "O máis importante é seguir chamando ao teléfono 012, que non se proceda a realizar a retirada polos propios medios porque isto pode entrañar un risco grave para a saúde das persoas e polo tanto que chamen a este teléfono 012 para activar o protocolo e proceder a retirada o antes posible".