Médicos voluntarios viaxarán da Coruña ao Senegal con 400 quilos de medicamentos
Persoal médico voluntario partirá este sábado da Coruña cara ao Senegal con catrocentos quilos de medicamentos para ofrecer asistencia de balde á xente sen recursos. A iniciativa forma parte dun proxecto da ONG Ecodesarrollo Gaia que conta cunha escola no país africano.
Oito médicas, dúas enfermeiras e dúas farmacéuticas, todas elas voluntarias, sairán este sábado da Coruña rumbo á localidade senegalesa de Yoff-Tonghor. A súa equipaxe son 400 quilos de medicamentos, sobre todo antibióticos e analxésicos, cos que prestarán atención de balde á poboación.
A organización da viaxe corre a cargo da ONG Ecodesarrollo Gaia, que conta cunha escola no barrio de pescadores pobres de Tonghor que se converte así por uns días nunha consulta médica. A ONG leva anos desenvolvendo proxectos de cooperación nesta zona do país africano.
Amais de atención sanitaria, as voluntarias imparten charlas para a promoción da saúde aos lideres locais senegaleses.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí