CRTVG

Buscar

Médicos e pediatras de Atención Primaria retoman as protestas con dúas xornadas de folga

Publicado o 27/11/2019 11:26
Médicos e pediatras de Atención Primaria retoman as protestas con dúas xornadas de folga

A folga de médicos e pediatras en Atención Primaria convocada pola Asemblea de Áreas Sanitarias de Galicia para os días 27 e 28 de novembro mantén este mércores un "bo seguimento", segundo destacaron os convocantes, mentres que a Consellería de Sanidade situou o apoio no 12,7 por cento.   

Segundo destacaron os convocantes, "para ser a terceira folga nun ano na área de Vigo -a segunda xeral no ámbito de Galicia-", o seguimento aumentou nalgunhas zonas, mantívose noutras e caeu en varias.   

En concreto, apuntaron un seguimento do 83 por cento na área de Vigo, un 60% na de Ourense, un 47% na da Coruña, un 35% na de Santiago e un 33% na de Lugo.   

Respecto diso, os convocantes destacaron que se incrementa o seguimento "na Coruña e Ourense", mantense "en Santiago e Lugo" en cifras similares e descende "en Vigo" entre "cinco e dez puntos" con respecto á de xuño.   

Pola súa banda, segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade nun comunicado, este mércores na quenda de mañá, o paro é secundado nos centros asistenciais de primaria por un 12,7 por cento do total do persoal chamado á folga.   

Por áreas sanitarias, o seguimento, segundo os datos de Sanidade, situouse no 7,2 na da Coruña e Cee; no 17,4% na de Ferrol; no 10,4% na de Santiago e Barbanza; no 4,2% na de Lugo, A Mariña e Monforte; no 7,9% na de Ourense, Verín e O Barco; no 18,1% na de Pontevedra e O Salnés; e no 30,7% na de Vigo.   

A Consellería de Sanidade tamén destacou que o grao de cumprimento dos servizos mínimos decretados durante esta xornada "é do 100%".

"As cousas non cambiaron"   

Os convocantes criticaron que a Administración sanitaria nos seus datos de seguimento "conta sempre os servizos mínimos como que non apoian a folga". "É unha forma moi inxusta de contabilizar", lamentaron.   

En xeral, destacaron un "bo seguimento" na que supón a terceira convocatoria de folga de médicos e pediatras na Atención Primaria en Galicia, a segunda de ámbito autonómico -tras a do 19 de xuño-, xa que a primeira -anteriormente na primavera- fora unicamente na área de Vigo. 

"É un conflito moi longo e aí estamos", valorou por parte da Asemblea de Áreas Sanitarias de Galicia, que lamentaron que "moitas comisións por parte da Consellería e a realidade é que o conflito existe porque as cousas non cambiaron".

"Hai un problema na Atención Primaria que temos que resolver entre todos", sentenciaron os convocantes.