Meaño, O Grove, Sanxenxo e Cambados entran no nivel máximo de restricións
Preocupación no Salnés polo aumento dos contaxios
Dezasete mil mozos do Salnés de menos de 35 anos están chamados estes días para facer un cribado en Vilagarcía. A loita contra a trasmisión do virus na comarca ten un atranco: hai xornadas en que só a metade dos convocados acoden a facer o test.
En Cambados hoxe é día de mercado. Iso si, non dos máis concorridos. "Estes días un pouquiño menos, porque a xente ten algo de medo", comenta unha tendeira. "Aglomeracións non vin e a xente vai coas máscaras", di unha turista.
Cambados, O Grove, Meaño e Sanxenxo entran no nivel máximo de restricións. Iso implica que na hostalería funcionará á metade nas terrazas e ao 30 % no interior, onde será obrigatorio o certificado de vacinación para os clientes maiores de 12 anos. Pubs e discotecas terán que pechar. "Non digo que cerren, pero isto haino que parar por algún lado. Ou pechar todos ás dez da noite ou... O que está claro é que o país non se pode pechar", afirma Cristina Domínguez, do bar A Cultural de Cambados.
En Sanxenxo, a incidencia a 14 días supera os 1.500 casos por cada 100.000 habitantes. En total, na comarca hai máis de 1.000 novos contaxios.