CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

Máxima alerta na costa leste dos Estados Unidos pola chegada do potente furacán Florence

Publicado o 12/09/2018 15:31

O ciclón tropical máis potente en tres décadas ameaza os estados de Virxinia e as dúas Carolinas, onde os seus habitantes se preparan para resistir refachos de vento de máis de 200 quilómetros por hora.

O furacán Florence continúa gañando forza mentres se achega á costa sueste dos Estados Unidos que permanece en alerta máxima.

Está previsto que o ciclón, de categoría 4 nunha escala de 5, toque terra o venres á mañá na costa de Carolina do Norte e se desprace despois por Carolina do Sur e Virxinia.

As autoridades destes tres estados ordenaron a evacuación dun millón e medio de residentes nas zonas potencialmente inundables.

Con refachos de vento máximos sostidos de ata 220 quilómetros por hora, o ollo do furacán avanza polo Atlántico, entre as illas Bahamas e Bermudas, en dirección á costa estadounidense.

Os expertos do Centro Nacional de Furacáns con sede en Miami advirten de que á súa chegada á costa de Carolina, Florence converterase nun ciclón extremadamente perigoso e podería chegar á maxima categoría na escala Saffir-Simpsom.

Está previsto que a marexada ciclónica inunde zonas da costa normalmente secas por un incremento do nivel do mar de entre 3 e 4 metros.

O presidente estadounidense, Donald Trump, asegurou que a administración federal está preparada para responder aos danos que poida causar Florence.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí