CRTVG

Buscar

O ministro Màxim Huerta defraudou máis de 200.000 euros a Facenda

Publicado o 13/06/2018 14:43

Nova polémica arredor do ministro de Cultura e Deporte. Màxim Huerta foi condenado o ano pasado por defraudar a Facenda máis de 200.000 euros cando traballaba na televisión. O ministro di que daquela pagou, que asunto está pechado e que non ten ningunha débeda moral. Màxim Huerta descarta dimitir. 

Màxim Huerta defraudou a Facenda 218.322 euros cunha sociedade que montou en 2006. É o titular do xornal que desvelou a nova polémica do ministro de Cultura e Deporte. A condena refírese aos exercicios fiscais de 2006, 2007 e 2008. Màxim Huerta traballaba daquela na televisión e cobraba a través desa sociedade mercantil da que era administrador e único accionista. 

"O que quero é que sexa todo moi transparente e que quede claro que as miñas obrigas tributarias están ao corrente e que cando houbo ese cambio de criterio fiscal, que afectou a tantos, pois eu regularicei e punto", dixo Màxim Huerta.

O ministro fala dun problema con Facenda que atribúe a un cambio de criterio da administración tributaria. O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid considera que non actuou de boa fé e que a sociedade que constituíu non era máis que un instrumento para eludir os tipos progresivos do IRPF. Màxim Huerta incluíu como gastos desa sociedade unha vivenda na costa de Alacante, que Facenda entende que non ten que ver coa actividade do presentador. Huerta tivo que pagar 365.000 euros para poñerse ao día con Facenda.Huerta di que falou esta mañá con Pedro Sánchez deste asunto e que non vai dimitir.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/06/2018