CRTVG

Buscar

Maxi Gómez xogará no Valencia

Publicado o 09/07/2019 20:28


Os representantes de Maxi Gómez estiveron en Valencia e, aínda que non quixeron confirmalo completamente, todo indica que pecharon a contratación do xogador uruguaio do Celta polo club valenciano.

Deste xeito parece que remata un proceso que deu varias voltas nos últimos días.

O luns pola tarde dábase por feita a marcha de Maxi ao West Ham inglés, que estaba disposto a pagar os cincuenta millóns da cláusula de rescisión.

Agora a operación pecharíase máis ou menos como se dicía a semana pasada: Maxi Gómez vai ao Valencia e o Celta recibe, ou recupera, o canteirán Santi Mina, outro dianteiro.

Proba de que todo estivo aberto ata última hora é que Mina aínda se presentou esta semana en Paterna para principiar a pretemporada.

Ademais de Santi Mina tamén virá para Vigo o defensa central Jorge Saenz, este en calidade de cedido.

Saenz é internacional sub 21 e xa estaba xogando como no Tenerife na segunda división.

Como tamén se publicara a semana pasada, ademais da volta de Santi Mina e da cesión de Jorge Saénz, o Valencia pagaralle ao Celta 14 millóns e medio de euros.

Maxi Gómez chegou ao Celta na temporada 17-18 e asina co Valencia polos próximos cinco anos.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/07/2019