CRTVG

Buscar

Maxi e Dionisio xubílanse da loita contra o tráfico de drogas

Publicado o 17/02/2020 14:40

Maxi e Dionisio coñecéronse hai ano e medio. O primeiro xa estaba xubilado na Escola de Adestramento e o segundo, tras pasar dúas décadas apartado da unidade cinolóxica, conseguira unha vacante na Coruña e buscaba un compañeiro con quen levar a cabo o seu labor.

En pouco máis dun mes, ambos xubilaranse, pero o tempo que pasaron xuntos foi ben investido. Xunto con Zero, outro can adestrado polo corpo, Maxi foi quen de atopar 20 quilos de heroína na operación antidroga denominada Fireball/Kazino, unha das máis importantes nos últimos anos en Galicia e que se saldou con once detidos; entre eles, un matrimonio de Carballo e un albanés residente na Illa de Arousa. Neste ano e medio traballando con Dionisio, Maxi suma un total de 30 positivos; é dicir, unha trintena de éxitos na localización de narcóticos, algo moi pouco habitual para un can da súa idade.

Nos adestramentos que reciben este tipo de cans, utilízanse as mesmas substancias que acostuman empregar os narcotraficantes para disimular o cheiro dos narcóticos e despistar os cans, entre elas café ou pementa. Isto exercítaos de cara a unha operación antidroga real; actividade que, tanto para Maxi como para o seu guía, rematará a partir do vindeiro 30 de marzo, data en que ambos pasarán á reserva. Porén, esta parella non se separa, pois Maxi cambiará a comandancia da Coruña polo domicilio de Dionisio, quen di que non ten dúbida de que o seu compañeiro se seguirá sentindo na casa.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/02/2020