CRTVG

Buscar

Nove estadounidenses, incluídos seis nenos, asasinados en México

Publicado o 06/11/2019 08:08

México garante que non quedará impune a matanza de tres mulleres e seis nenos de nacionalidade estadounidense que foron acribillados a balazos ao norte do país. O crime, que se atribúe a unha equivocación dos cárteles da droga, provocou que Trump lle ofrecera axuda a López Obrador para loitar contra esas organizacións mafiosas. O presidente mexicano di que non é partidario de inxerencias, pero estudará a oferta.

Militares e policía acompañaron ata o lugar do crime os familiares das nove persoas asasinadas. Alí están aínda as tres camionetas, en que tres mulleres cos seus fillos viaxaban para acudir a unha celebración familiar. Son 150 quilómetros dun camiño de terra no estado de Chihuahua, no que foron sorprendidas polos pistoleiros.

Na escena onde se produciu a emboscada os peritos atoparon máis de 200 vaíñas de bala. Tres adultas e seis nenos pereceron acribillados, mentres outros meniños, algúns malferidos, escaparon polo monte. Todos foron atopados nas últimas horas e trasladados a un hospital en Arizona.

As 9 persoas asasinadas pertencen a unha comunidade mormona e teñen nacionalidade estadounidense. Nas últimas horas, algúns membros do clan lamentaban que estivesen no lugar equivocado e na hora equivocada, pero consideran intolerable tal nivel de violencia.

"O presidente de México di que este é un país libre e soberano, que clase de liberdade é esta?", preguntábase un membro da familia.

O impacto da noticia nos Estados Unidos provocou que o propio presidente mexicano expresase en Twitter as súas condolencias a Trump, que ofreceu axuda para acabar cos clans da droga que operan na zona. De feito, o crime atribúese a un erro, produto do enfrontamento entre dúas faccións -o cártel da Línea e o do Pacífico-, que horas antes protagonizaran en Sonora unha refrega con dous falecidos. López Obrador di que estudará o ofrecemento de Trump, pero expresou que pensa que non a precisan e prometeu que o crime non quedará impune.

Entre xaneiro e setembro, producíronse en México máis de 25.000 asasinatos, segundo as cifras oficiais.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/11/2019