CRTVG

Buscar

Asasinan unha muller en San Joan Despí (Barcelona) e deteñen a súa parella cando pretendía fuxir en avión

Publicado o 28/01/2020 09:27
Asasinan unha muller en San Joan Despí (Barcelona) e deteñen a súa parella cando pretendía fuxir en avión

Unha muller foi asasinada esta madrugada no seu domicilio de San Joan Despí (Barcelona) e os Mossos detiveron á súa parella, un home de 45 anos, como presunto autor do crime, cando pretendía fuxir collendo un voo, informou a Policía catalá.

Os Mossos d'Esquadra, que están a investigar as circunstancias do asasinato desta muller, detiveron ao presunto autor do crime, de nacionalidade española, no aeroporto do Prat, cando presumiblemente tentaba escapar e foi trasladado ás dependencias da comisaría desta localidade.

A policía catalá atopou o corpo sen vida da muller cara ás 03.00 horas desta madrugada, despois de que a familia facilitase o acceso á vivenda aos axentes dos Mossos. A División de Investigación Criminal da Rexión Policial Metropolitana Sur fíxose cargo da investigación para esclarecer as circunstancias da morte desta muller na súa casa do barrio Eixample Sur de Sant Joan Despí. O xulgado de instrución en funcións de garda de Sant Feliu de Llobregat fíxose cargo do caso e decretou secreto de sumario.

De confirmarse este asasinato da muller a mans da súa parella, sería a sétima vítima mortal da violencia machista no que vai de ano, a terceira en Cataluña, e a 1.040 desde que comezaron a rexistrarse as estatísticas en 2003.

Ademais, desde 2013, 35 menores foron asasinados polos seus pais ou polas parellas ou exparellas das súas nais, a última o pasado 6 de xaneiro.

A falta de coñecer se a muller asasinada hoxe tiña fillos menores, o número de orfos como consecuencia da violencia machista elévase a 280.

Dos sete asasinatos perpetrados este xaneiro, tres cometéronse en Cataluña, dous en Castela-A Mancha, un en Galicia e outro en Andalucía.

En ningún dos seis anteriores pesaba denuncia sobre os agresores.

O 016 atende a todas as vítimas de violencia machista as 24 horas do día e en 51 idiomas diferentes. Unha chamada que non deixa rastro na factura, aínda que hai que borrala do rexistro de chamadas do teléfono móbil.

Os menores tamén poden dirixirse ao teléfono da Fundación  ANAR 900 20 20 10, e os cidadáns que sexan testemuñas dalgunha agresión deben chamar ao 112.