CRTVG

Buscar

Morre unha muller acoitelada en Madrid e deteñen o seu neto como presunto autor

Publicado o 21/11/2019 08:41

A muller, de 69 anos e nacionalidade búlgara, asasinada onte á noite no seu domicilio de Madrid foi apuñalada a mans do seu neto, non do seu fillo, como inicialmente informaron fontes policiais.

Este xoves, as mesmas fontes aclararon que, aínda que nun primeiro momento se pensou que o presunto autor do crime, arrestado no lugar pola Policía Nacional, era fillo da vítima, a investigación acreditou que se trata do seu neto, de 30 anos e tamén de nacionalidade búlgara.

O suceso ocorreu sobre as 20:00 horas deste mércores no domicilio familiar, situado na rúa de  Rascón número 18, no distrito de Carabanchel e próximo ao parque de San Isidro, segundo indicou Emerxencias Madrid 112 nun comunicado e as fontes da Policía Nacional.

Efectivos do Servizo de Urxencias Médicas de Madrid (SUMMA) 112 que se desprazaron ao domicilio da vítima, só puideron confirmar o falecemento da muller.

Ao lugar tamén se desprazou unha psicóloga para atender a outra muller que, segundo as primeiras informacións, é filla da falecida que sufriu unha crise de ansiedade, sinalaron as fontes do 112.

Segundo as primeiras investigacións, esta muller transmitiu aos axentes que o presunto autor padecía problemas mentais.

Axentes de Seguridade Cidadá presentáronse na casa tras seren alertados por unha chamada e atoparon a muller ferida e o seu agresor, que foi arrestado.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/11/2019