CRTVG

Buscar

Mata a muller en Málaga e queima o corpo para desfacerse del

Publicado o 03/08/2021 10:39

EFE

Os feitos ocorreron nun edificio de Rincón de Victoria, en Málaga. Un home de 53 anos confesou que matara a súa parella, unha muller de 37. Sacouna da vivenda xa sen vida e baixouna ata o garaxe. Alí sorprendeuno un veciño. El díxolle que a muller dera un golpe na cabeza e que a levaba ao hospital. Pero o veciño viu como a metía no maleteiro e chamou a garda civil. O agresor levou o corpo a un barranco de Nerja e prendeulle lume.

Cando volveu á casa, os axentes estaban agardando por el. A garda civil xa descubrira manchas de sangue no seu garaxe e tiña as gravacións das cámaras de seguridade.

Pouco despois, un veciño avisaba do descubrimento dun cadáver queimado nun barranco de Nerja.
O agresor confesou que matara a parella e que despois intentara queimala cun soplete. Non existían denuncias previas pero a policía local interviu nunha discusión entre a parella, ocorrida este pasado domingo.

"Non hai palabras para describilo. Cando vai rematar isto? Cando vai haber fin a esta lacra que tan dañina é para a sociedade e tanto mal nos fai como persoas?", di Francisco Salado, alcalde de Rincón de Victoria.

O agresor está detido á espera de pasar a disposición xudicial. Con esta son 29 as mulleres asasinadas en España polas súas parellas ou exparellas no que vai de ano. Son máis de 1.100 dende que hai rexistros.





















Tras a súa detención, o home foi trasladado ata dependencias de Garda Civil. O corpo da vítima foi trasladado ao Instituto Anatómico Forense onde lle realizarán a autopsia.

Con este novo asasinato serían dúas as mulleres vítimas da violencia machista na provincia de Málaga neste ano. Este crime súmase ás 28 mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas en 2021 en España, segundo a Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero.

Noticias web

03/08/2021