MásMóvil comprométese a manter o emprego e a marca R na opa a Euskaltel

MásMóvil vai controlar o cen por cento de Euskaltel, a empresa propietaria da galega R. O cuarto operador de telecomunicacións de España lanzou unha OPA amigable sobre a empresa vasca por case 2.000 millóns. MásMóvil comprométese a conservar todas as marcas de Euskaltel e a manter o emprego e a sede de R na Coruña. O anuncio fixo que as accións de Euskatel se disparasen un 16 %.
En caso de materializarse a operación, o grupo resultante da operación contaría con preto de 14 millóns de liñas, uns ingresos estimados de aproximadamente 2.700 millóns de euros, 26 millóns de fogares conectados con fibra e máis de 1.500 empregados.
Ademais, a empresa dirixida por Meinrad Spenger comprometeuse a manter o emprego e as marcas Euskaltel (País Vasco), R (Galicia), Telecable (Asturias) e Virgin en España. Así mesmo, tamén manterá as sedes sociais das empresas do grupo no País Vasco e en Galicia.