CRTVG

Buscar

Protesta masiva en Foz en defensa de Alcoa e contra as condicións da poxa eléctrica

Publicado o 04/12/2019 21:09

A Mariña retoma as protestas en defensa do futuro da factoría de Alcoa. Veciños e traballadores manifestáronse esta tarde en Foz. Esixen unha solución ao problema enerxético que pon en perigo a viabilidade das industrias electrointensivas.

Foz acolleu este mércores unha concentración masiva --máis de 5.000 persoas segundo o comité de empresa-- para reclamar medidas para garantir a viabilidade da planta de Alcoa en San Cibrao, en Cervo. En declaracións a Europa Press, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, denunciou que as condicións da última poxa de interrumpibilidad fan "inviable" o futuro da factoría. Neste sentido, criticou que a poxa sitúa a Alcoa "ao mesmo nivel" que unha cementeira, cando para estas últimas o custo da electricidade pesa un 0,5% no conxunto global, mentres que para unha electrointensiva como a fábrica de aluminio da Mariña, en torno ao 40%. 

Durante a protesta, que tivo lugar na praza do concello de Foz, o representante dos traballadores advertiu de que o Goberno xera "un problema para toda España". Na mobilización houbo representantes políticos, entre eles unha ampla delegación de cargos do Partido Popular, partido que, a través dun comunicado de prensa, acusa o Executivo central de poñer a Alcoa San Cibrao en situación de "emerxencia".

E é que a poxa de interrumpibilidad non prevé bloques de 40 megavatis, os máis relevantes para a industria, polo que os actores terán que competir por 200 bloques de 5 megavatis cada un. Os populares esixen, neste contexto, a aprobación "inmediata" do estatuto do consumidor electrointensivo, co obxectivo de garantir a pervivencia da factoría.

Noticias web

04/12/2019