CRTVG

Buscar

Más País celebra o acordo de goberno, PP rexeita calquera colaboración e C's di que hai tempo para que Sánchez rectifique

Publicado o 12/11/2019 19:47

Sobre o acordo entre Sánchez e Iglesias tamén se pronunciou o líder de Más País. Nun chío, Íñigo Errejón dixo que nunca é tarde se hai acordo e asegurou que traballarán para que sumen a maioría precisa. Conta con tres escanos no Congreso.

Ante o acordo para formar ese goberno de coalición do PSOE e Podemos, o presidente dos populares, Pablo Casado, compareceu para dicir que o seu partido liderará a oposición. Asegura que o acordo é a enésima contradición de Pedro Sánchez.

A voceira de Ciudadanos no Congreso, Inés Arrimadas, chamou á responsabilidade do PP e do PSOE para chegar a un acordo "moderado e constitucionalista" coa formación laranxa "polo ben de España. Engadiu que aínda hai tempo para que "Sánchez rectifique".

Santiago Abascal, presidente de Vox, dixo que "o PSOE abrázase ao comunismo bolivariano, aos aliados dun golpe de Estado. Farémolo responsable de cada dano que produzan á convivencia e á orde constitucional".

Reaccións tamén en Galicia. Nas redes expresouse o secretario xeral dos socialistas galegos. Nun chío publicado hai uns minutos, Gonzalo Caballero sauda os avances cara a un goberno progresista. Di que o desbloqueo era inaprazable ante os retos que hai que atender.

Do principio de acordo entre Sánchez e Iglesias falou tamén o presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo asegura que xa nin os propios socialistas se poden fiar do seu candidato.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/11/2019