CRTVG

Buscar

Marzo 2020−2021: un ano de pandemia

Publicado o 12/03/2021 10:53

O 13 de marzo de 2020 foi o último día normal. O último día dunha vida ata daquela de contacto, de abrazos, de compartir, de aglomeracións sen risco. Todo cambiaba abruptamente á tarde, a partir deste momento. 

España tiña daquela 3.000 casos e 80 mortos. Había dous días que a OMS declarara oficialmente a pandemia. O primeiro caso en España confirmárase o 31 de xaneiro, un turista alemán que viaxara ás Canarias. 

O virus chega a Galicia o 4 de marzo. A primeira morte en Galicia, dez días despois, o sábado 14, cando comeza o estado de alarma. A partir de aí, a suba de casos foi imparable. 

Por países ricos e pobres, o virus estendíase polo mundo sen que fósemos aínda conscientes da gravidade. Daquela non había distancia social nin apenas máscaras. 

O 30 de marzo pecha toda actividade non esencial. A primavera de 2020 é a do confinamento nas casas, a primavera dos balcóns, da soidade, a dos aniversarios na distancia, a do teletraballo e as clases telemáticas. A primavera das rúas baleiras e o silencio, pero, sobre todo, a primavera dos aplausos aos sanitarios ás oito da tarde. Foron días e meses dun goteo incesante de cifras. 

Imaxes insólitas e duras deses primeiros meses. O depósito no Palacio de Xeo de Madrid naqueles días con 900 mortos diarios. O hospital de Ifema, cheo. Baraxas, baleiro. E unha realidade: a vulnerabilidade dos maiores nas residencias, principais núcleos de mortaldade durante a pandemia. Morreron nelas case trinta mil persoas. 

Tras 98 días de estado de alarma, o 21 de xuño comeza a desescalada e a chamada nova normalidade.

Nun ano en que todo foi atípico, as vacacións de verán tamén o foron. A recuperación da mobilidade fixo que en xullo se multiplicasen xa os gromos por todo o territorio español: Aragón, Lleida, a Mariña de Lugo. 

Segundo avanza o verán, a cousa vaise complicando. Faise obrigatoria a máscara en espazos pechados e abertos. En agosto péchase o ocio nocturno. Vólvese ás aulas en setembro con medidas anticovid-19.

No outono afiánzase a carreira por lograr unha vacina. Anúncianse as primeiras efectivas en outubro, xa inmersos na segunda vaga. Como todo en 2020, decembro tamén foi singular: falouse das multitudes nas pontes festivas e discutiuse durante semanas arredor de con quen podiamos cear no Nadal. 

O 27 de decembro é o día da esperanza: comeza a vacinación. Nieves, en Santiago, e Araceli, en Guadalaxara, son os nomes propios dese día. Remata 2020 con máis de 50.000 falecidos en España. Case dous millóns en todo o mundo.

Á volta do Nadal, evidénciase a terceira vaga. Á mesma velocidade que se multiplican as variantes do virus, faise máis demorada a vacinación. Soben os contaxios, volve pechar todo. 

Nestes doce meses, a pandemia, que nos obrigou a vivir na distancia, ensinounos canto necesitamos o contacto, a presenza, os abrazos. 

Puxo en evidencia o impagable valor da Sanidade Pública e dos seus traballadores, que comezaron combatendo o virus sen apenas material. Nos sanitarios vimos o mellor do ser humano: compaixón, empatía, acompañamento, consolo. 

A pandemia, que nos impuxo a morte en soidade, os enterros sen despedidas, paralizou a economía a pequena e grande escala e mudounos o concepto de globalidade: o coronavirus foi un inimigo invisible que comezamos minimizando, pero que nos acabou demostrando que o que sucede na China ten alcance en Lombardía, en Nova York ou en Vimianzo. 

Noticias web

12/03/2021