CRTVG

Buscar

Martiño Noriega seguirá como concelleiro para iniciar "un proceso de transición"

Publicado o 07/06/2019 11:53
Martiño Noriega seguirá como concelleiro para iniciar "un proceso de transición"

O alcalde en funcións de Santiago e líder de Compostela Aberta, Martiño Noriega, comprometeuse este xoves para iniciar "un proceso de transición no concello" tras a súa derrota electoral despois de que a asemblea da formación votase a favor da súa continuidade.

"Quero deixar claro que a posta do meu cargo á disposición da asemblea de Compostela Aberta non é retórica", apuntou Noriega durante a celebración do encontro, na sede da formación -que se encheu para a ocasión-, en que tamén se analizaron os resultados do 26-M e a estratexia para seguir.

O alcalde en funcións apuntou que Compostela Aberta é "un espazo que segue en construción e que ten que seguir consolidándose nunha etapa diferente", despois de que, tras catro anos á fronte do Goberno municipal, perdera 6.000 votos e a metade dos concelleiros obtidos en 2015, pasando a ser terceira forza.

"Os resultados son moito máis negativos do que esperabamos, non imos escondernos, pero non esquezamos que nos debemos ás máis de 10.000 persoas que confiaron en nós, que son o noso maior capital, xunto ás mans que levan anos traballando e sumando tanto na institución como na rúa", engadiu.

Deste xeito, Noriega iniciará unha nova etapa como portavoz de Compostela Aberta no pazo de Raxoi, tomando unha vía diferente ao alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro.

Noticias web

07/06/2019