CRTVG

Buscar

Martín Wizner, xenética de campión

Publicado o 01/01/2020 19:49

Nestas instalacións do Centro Galego de Vela de Vilagarcía traballa o futuro da náutica galega. Martín Wizner, campión de Europa e do mundo na clase 420 prepara o salto ao 49er, á vela olímpica: "É un barco moi difícil de dominar, hai que conseguir ser competitivos nel o antes posible para empezarmos a regatear a alto nivel e poder competir contra os demais. É onde están os mellores do mundo e poder competir contra eles será un soño feito realidade", explica.

Martín cambia de categoría e de compañeiro. A bordo do 49er o seu tripulante é Pablo García que o define así: "É diferente no mar que na terra. No mar está sempre moi concentrado, sempre quere dar algo máis, sabe que pode dar algo máis"

Pero sabe Martín Wizner que apenas está empezando nesta nova categoría e que aínda lle queda un longo percorrido. "Este ano, que é o ano olímpico estarmos adestrándonos e aprendendo sós aquí en Vilagarcía e para a seguinte campaña, a partir de 2021 empezar a dar guerra", apunta.

Porque o obxectivo a máis longo prazo ten lugar e data: París 2024. Os Xogos Olímpicos e Wizner non agocha a súa ambición: "Eu espero poder estar loitando algún día pola clasificación de París 2024"

Martín é fillo de Laureano Wizner, un histórico da vela galega, campión de Europa e de España na clase snipe, membro do desafío español da copa América no 2007. O home que marcou o rumbo que o seu fillo quere seguir.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

01/01/2020