CRTVG

Buscar

Marrocos arremete contra España por "instrumentalizar" a eurocámara

Publicado o 11/06/2021 13:54
Marrocos arremete contra España por "instrumentalizar" a eurocámara

O Goberno marroquí critica "a instrumentalización" do Parlamento Europeo na crise diplomática con España. A través dun comunicado, o ministerio de Exteriores considera "contraproducente" a resolución aprobada este xoves na eurocámara, condenando o uso de menores na crise migratoria de Ceuta.

Segundo denuncia, "entra nunha lóxica de escalada política con pouca visión de futuro" que "non contribúe á solución". "Esta manobra, que ten como fin eludir o debate sobre as razóns profundas da crise, non engana a ninguén", subliña.

Ao seu entender, a pretensión española de "europeizar" o conflito "é inútil e non altera o seu  carácter puramente bilateral".

Lamenta que a resolución europea non vaia en consonancia coa cooperación "exemplar" marroquí en materia migratoria. Neste sentido, lembra que o país abortou desde 2017 máis de 14.000 intentos de migración irregular, desmantelou 5.000 redes de tráfico de persoas e rescatou máis de 80.500 á deriva no mar, ademais de evitar numerosos intentos de asalto aos valados de Ceuta e Melilla.

"Marrocos, polo demais, non necesita ningún aval na súa xestión da migración. A postura de mestre e alumno xa non funciona", denuncia. Ademais de citicar a actitude "paternalista" europea, considera a resolución "contraria ao espírito de asociación".

Marrocos lembra que o problema "segue sendo con España, mentres non se resolvan as razóns que o provocaron", en referencia á reclamación de Rabat dun cambio de postura, por parte de España, sobre o Sáhara Occidental.

O Parlamento Europeo rexeitou este xoves (con 397 votos a favor, 85 en contra e 196 abstencións) a actitude de Marrocos na crise migratoria de Ceuta do pasado mes de maio, que permitiu a entrada na cidade autónoma dunhas 10.000 persoas.

Sobre todo, condena o uso de menores para "presionar politicamente" a España. Malia as críticas, Bruxelas manifesta o seu desexo de que a resolución non deteriore as relacións con Rabat.

Noticias web

11/06/2021