CRTVG

Buscar

Maroto reprocha a herdanza en política industrial do PP; os populares piden melloras no estatuto das electrointensivas para salvar Alcoa

Publicado o 03/06/2020 20:48

A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, criticou este mércores no Congreso os "raquíticos orzamentos" cos que conta "para facer política industrial", en referencia ás contas vixentes, aprobadas polo PP para 2018, ante a acusación do PP de "cargarse" este sector.

"Non lle vou a consentir que faga responsable das crises industriais a este Goberno", esgrimiu Maroto, na súa primeira resposta a unha interpelación do deputado popular Jaime de Olano na sesión de control ao Goberno celebrada este mércores na Cámara Baixa, e en que a ministra asegurou "traballar sen descanso para buscar alternativas industriais".

Acusou o PP de "desmantelar o Ministerio de Industria", algo "incomprensible" tendo un presidente galego dixo, e lembroulle a De Olano, galego, que ante o peche de Alcoa a Xunta conta con "competencias exclusivas en política industrial". "Que fixo pola industria galega? Absolutamente nada, porque ao PP non lle interesou nunca", espetou.

Ante o peche de Alcoa en San Cibrao, asegurou que o Goberno lle esixiu á empresa "que reconsidere" esta decisión, instou ao PP a "deixar de buscar culpables e buscar solucións" e destacou uns prezos enerxéticos que hoxe son a metade que en 2018.

O PP pide que acepte as propostas para mellorar o estatuto das electrointensivas

"Se quere, fágolle responsable ao señor Marlaska, pero o pobre xa ten bastante", replicoulle Jaime De Olano, en referencia ás esixencias de dimisión lanzadas pola oposición ao titular de Interior. En todo caso, estendeu as culpas á vicepresidenta para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, con quen a titular de Industria "non é tan agresiva, ou non se defende con tanto decoro", lamentou o deputado popular.

No caso de Alcoa e do resto de industria electrointensiva, sinalou que o seu borrador de estatuto "non contenta a ninguén" e que "sería a puntilla" ao sector. "Están a tempo de rectificar", instou, apuntando como solución as alegacións consensuadas polos gobernos autonómicos de Galicia, Asturias e Cantabria, e que sería apoiado polo PP no Congreso.

"O único que falta é a vontade do Goberno, súa e a de Sánchez", sentenciou. 

 

Noticias web

03/06/2020