CRTVG

Buscar

Marlaska anuncia "controis específicos" e sostén que "España non é un Estado policial"

Publicado o 29/04/2020 16:37
Marlaska anuncia "controis específicos" e sostén que "España non é un Estado policial"

O ministro do Interior, Fernando Grande- Marlaska, sinalaba este mércores que "adaptará" os dispositivos policiais para realizar "controis específicos" na fase de desescalada que contempla progresivos alivios no confinamento pola Covid-19.

Con todo, defendeu que "España non é un Estado policial", a pesar das 800.000 multas contra "insolidarios" que non respectan as restricións de mobilidade. "Haberá que ser moi estrito cando hai unha política de asimetría", dixo sobre o plan de desescalada por provincias as distintas fases.
Haberá máis controis e axentes na rúa? Como se manterá a política de sancións no caso de incumprirse, por exemplo, a prohibición de desprazarse entre provincias? Interior orientou á delegacións do goberno para que as multas oscilasen entre 601 e 10.400 euros, cunha proposta de 1.500 euros para os que se desprazasen a segundas residencias.
Grande- Marlaska avisou de que esta nova fase require de "máis esforzo", aludindo en varias ocasións a que a prioridade é garantir a "saúde de todos". "Evidentemente, xa temos plans para adaptar as funcións de Forzas e Corpos atendendo á realidade do plan de desescalamento e que todos iremos observando día a día", comentou antes de engadir: "Haberá un control específico para alcanzar o obxectivo de que o plan teña éxito".
Grande- Marlaska referiuse á súa resposta na sesión de control ao Goberno de este mércores pola mañá a unha pregunta de Bildu queixándose da desproporción no número de multas coa Lei de Seguridade Cidadá, a coñecida como 'lei mordaza': "Os axentes cando interpoñen unha denuncia aplican parámetros de proporcionalidade, idoneidade e flexibilidade", sostivo, remitíndose á necesidade de priorizar a saúde pública e o funcionamento de servizos públicos e esenciais.
Deu os parabéns pola "resposta admirable" da maioría dos cidadáns, máis concretamente tras as primeiras medidas de alivio que permiten a saída dos menores de 14 anos dende o pasado domingo.

 

• Marlaska non pon data á apertura de fronteiras con Francia e Portugal

O ministro do Interior, Fernando Grande- Marlaska, non puxo data á reapertura das fronteiras con Francia e Portugal e vinculou en exclusiva a criterios de saúde pública. Isto prodúcese o mesmo día en que a Comisión Europea lle pediu aos 13 países europeos que pecharon as súas fronteiras interiores a reabrilas "canto antes" para relanzar o turismo.

En conferencia de prensa co titular de Sanidade, Grande-Marlaska expresou o desexo de España de reabrir as súas fronteiras interiores "canto antes, sempre que os criterios de saúde pública permitan evidentemente quitar os controis en fronteira".

E dixo que é algo que se fará tomando en consideración "traballos serios como os que se están realizando no conxunto dos países da UE para controlar e conter o  COVID-19".  "Todos somos conscientes de que non hai reconstrución social nin económica se non solucionamos o tema da saúde", abundou o ministro.

"O primeiro elemento que é o noso obxectivo é a saúde pública", salientou o ministro do Interior.   Grande- Marlaska lembrou que cada semana se reune por videoconferencia cos seus colegas da UE para falar do control das fronteiras exteriores e interiores. Insistiu en que todos teñen "un mesmo obxectivo, volver á normalidade o máis axiña posible".