CRTVG

Buscar

Marlaska: "Ninguén do Ministerio pediu a De los Cobos o informe do 8-M"

Publicado o 29/05/2020 18:14

O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, asegurou este venres que ninguén do seu departamento nin da dirección da Garda Civil pediu ao coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Madrid, Diego Pérez de los Cobos, cesado esta semana, o informe sobre o 8-M que se lle entregou ao xulgado.

Cinco horas e media durou a súa comparecencia na Comisión de Interior do Senado, onde repasou as liñas xerais da política do seu Ministerio, as actuacións no estado de alarma e, como se prevía, respondeu á oposición sobre o cesamento do coronel De los Cobos e os cambios na cúpula do instituto armado.

Marlaska quixo deixar claro que a Garda Civil, coa súa directora á fronte, María Gámez, xa traballaba na reestruturación da cúpula do corpo antes da pandemia do coronavirus e enmarcou eses cambios e cesamentos na libre designación dos cargos de confianza.

"Temos moi claro o que é a función pública, que debe caracterizarse pola competencia, a imparcialidade, a neutralidade e a comunicación entre a xente que intervén. E na non inxerencia", salientou.

Non respondeu o ministro na súa primeira intervención a cuestións concretas, como se o cesamento tiña que ver co informe da Garda Civil sobre o 8-M e a súa posible relación coa propagación do virus, entregado ao xulgado, ou se Gámez ou el mesmo chamaron a De los  Cobos o domingo para que lles entregase o informe.

E foi ao final cando respondeu tallante. "Nin este ministro, nin ninguén do Ministerio nin da Dirección Xeral da Garda Civil solicitou ao señor Pérez de los Cobos nin o informe nin o acceso ao contido do informe".

"Cando se forman equipos, hai libre designación", continuou Marlaska, quen indicou que, cando eses cambios os fai o PP, é "eficacia, é eficiencia", pero, se os fai o PSOE, "vese algo estraño".

Volveu reiterar que os cambios e cesamentos baseáronse "única e exclusivamente na libre designación para formar o teu mellor equipo, con confianza e con neutralidade", e lembrou que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, esixe "eficacia, neutralidade e cumprimento da lei e do programa subscrito polo PSOE e Unidas Podemos en materia de seguridade". "Déixame a liberdade para formar o meu grupo, e eu teño que responder que cumpro o programa que teño pactado", engadiu.

Críticas da oposición

· PP: "Non pode permanecer nin un minuto máis á fronte do Ministerio", díxolle tallante ao ministro o senador do PP Fernando Martínez-Maíllo, que reprobou a "actitude de prepotencia" do ministro, a quen acusou de "manchar o nome da Garda Civil ao mesmo nivel que o señor Roldán".

Martínez-Maíllo acusou a Marlaska de estar "baixo sospeita de interferir nunha investigación xudicial" que afecta o Goberno e preguntoulle directamente se deu a orde para requirir a De los  Cobos información sobre o informe da Garda Civil.

· ERC-Bildu: Mentres, Xavier Castelá, do grupo de ERC-Bildu, reprochou á "dereita nacionalista española" que considere a De los Cobos como "insigne cabaleiro", cando se trata dun "personaxe escuro e sinistro" segundo o senador, quen tamén preguntou a Marlaska polo que ía facer para "eliminar de ultras" as forzas de seguridade do Estado.

· Ciudadanos: Tamén Ciudadanos cargou contra Marlaska por encabezar unha "purga" contra "funcionarios non afíns", mentres por outra banda desde o Goberno noméanse "a dedo "outros altos cargos, e reproboulle a "deterioración infrinxida á imaxe da Garda Civil" por parte de quen "os debería defender". "Debe pedir perdón", esixiulle, como tamén que non siga "nin un minuto máis no cargo".

· JxCAT: Especialmente acedas foron as críticas de JxCAT, cuxo senador Josep Lluis Cleries acusou a Marlaska de "bendicir" a actuación de De los Cobos como coordinador do dispositivo policial do referendo ilegal do 1 de outubro, e o Goberno de ter a Avogacía do Estado "ao seu servizo" cando "se senten agredidos". "Agora tócanlles a vostedes, pero cando tocaron a miles de cataláns, miramos cara a outro lado".

· Vox: A senadora de Vox Yolanda Merelo preguntou ao ministro se está a facer "purgas" entre aqueles efectivos das forzas de seguridade "que non se acomodan" ao seu modo de proceder e criticou a súa actuación "inmoral" á fronte do Ministerio, do que as forzas de seguridade están a recibir un trato "bochornoso".