CRTVG

Buscar

Marlaska descarta a dimisión e di que Interior se interesou polo informe tras a filtración

Publicado o 02/06/2020 20:09

A nota que publica El Confidencial, asinada pola directora da Garda Civil, xustifica o cesamento de De los Cobos por non informar das investigacións en marcha no corpo. A oposición interpreta que se refire ás pescudas sobre a manifestación do 8-M encargadas pola xuíza Carmen Rodríguez-Medel. Por iso, PP, Ciudadanos e VOX piden a reprobación do ministro do Congreso e a súa dimisión ante o que entenden que é unha inxerencia ilegal.

Cayetana Álvarez de Toledo, voceira do PP no Congreso, cre que "Interior recoñece por escrito que cesaron un coronel da Garda Civil porque se negou a cometer un delito. Confírmase que o ministro do Interior mentiu e debe abandonar o cargo hoxe mesmo, como o debe abandonar toda a cúpula de Interior"

Pero o ministro di que non pensa renunciar. Insiste en que non lle pediron a De los Cobos o contido do informe, senón as razóns de que se filtrara á prensa.

Fernando Grande-Marlaska, ministro do Interior, explicou que "do xoves ao venres anterior a ese domingo que vostede di filtrouse ese informe nada máis ser entregado no xulgado. A directora requiriu que a informaran de que pasaba con esa filtración. Vostede sabe que unha filtración é un delito de desvelamento de segredos"

O Goberno ve tras o asunto o interese dalgúns por xerar ruído político e cre que o documento proba que non houbo intromisión ningunha.

Segundo María Jesús Montero, voceira do Goberno, "o ministro Marlaska conta con todo o apoio do Goberno de España e do presidente do Goberno. Intromisión ningunha

A Asociacion Xudicial Francisco de Vitoria, a segunda máis importante, tamén pide o cesamento de Marlaska.


 

Noticias web

02/06/2020