CRTVG

Buscar

Marlaska desvincula o cesamento do xefe da Garda Civil do informe sobre o 8-M

Publicado o 26/05/2020 20:52

O ministro do Interior desvincula o cesamento do coronel López de los Cobos do informe sobre a manifestación do 8-M que a Garda Civil remitiu a un xulgado. Segundo ese informe, a Delegacion do Goberno en Madrid, que autorizou o acto, tiña coñecemento da gravidade do problema sanitario con anterioridade.

A destitución de López de los Cobos precipitou a dimisión do número dous da Benemérita. 
Laurentino Ceña, unha das caras visibles da Garda Civil no comité técnico do coronavirus, que deixa o cargo a poucos días de xubilarse, ao parecer molesto polo cesamento do coronel López de los Cobos.

Fontes da Garda Civil din que foi destituído por negarse a darlle a un alto cargo do Interior explicacións a propósito do informe que a súa comandancia remitiu a un xulgado de Madrid sobre a manifestación do 8-M.

Ante esta posibilidade, a xuíza remitiu un escrito a Interior en qu eadvirte que os informes que elabora a Garda Civil en condición de Policía Xudicial non se poden entregar a terceiros e que facelo podería ser delito.

O ministro Marlaska desvincula o cesamento de López de los Cobos dese informe. "É única e exclusivamente debido a unha política razoable, normal, de reconstitución de novos equipos dentro do que é o ámbito de máxima confianza de todo dirixente político ao facerse cargo dun posto concreto".

O informe, difundido por varios medios, di que o Goberno coñecía desde xaneiro o perigo do coronavirus e cuestiona que se permitisen actos multitudinarios como a manifestación do 8-M e se cancelasen outros coma un Congreso da Igrexa Evanxélica. Fernando Simón explicou por que se recomendou cancelar ese evento: "Ía haber participación moi importante de persoas procedentes de países que daquela se consideraban de alto risco".

O informe remitido pola Garda Civil contén moitas imprecisións. Di por exemplo que a OMS declarou a pandemia do coronavirus o 30 de xaneiro cando non o fixo ata o 11 de marzo. Na causa xudicial está citado como investigado o delegado do Goberno en Madrid, que foi quen autorizou a manifestación do 8-M.