CRTVG

Buscar

O Goberno habilitará 6.000 prazas en campamentos para acoller migrantes

Publicado o 20/11/2020 16:55

En plena crise migratoria, e con aínda 1.300 inmigrantes no campamento improvisado no porto de Arguineguin, os ministros de Transportes e Migracións voaron ata as Canarias.

Alí, José Luis Ábalos anunciou reforzos para os buques de salvamento e José Luis Escrivá un plan para crear 7.000 prazas adicionais de aquí a decembro repartidas polo arquipélago.

O Ministerio de Migracións habilitará con carácter de urxencia campamentos con 6.000 prazas nas illas de Gran Canaria, Tenerife e Fuerteventura para ir acollendo aos inmigrantes que agora se reparten por 17 complexos turísticos e, de forma paralela, traballará para dotar outras 7.000 prazas máis estables no interior de inmobles.

Escrivá presentou este venres en Las Palmas de Gran Canaria o plan do seu departamento para responder as necesidades de acollida xeradas pola crise migratoria que sofre Canarias, que se apoia, en boa medida, nos terreos e inmobles cedidos polo Ministerio de Defensa en tres illas, o Concello de Las Palmas de Gran Canaria e Bankia.

Este ano chegaron ás Canarias máis de 18.000 persoas de xeito irregular. A metade aínda permanece no arquipélago. O Goberno insular quere derivar parte deles á península, pero o executivo central négase.

Neste sentido, o ministro destacou que "o 90%" dos 18.348 inmigrantes que chegaron en patera ás illas no que vai de ano "son expulsables aos seus países de orixe" e recalcou que os traslados á península que pode promover o seu departamento cínguense exclusivamente a persoas en situación de vulnerabilidade.

Tamén asegurou que "non aspiramos a ter campamentos na illa nin levantamento de carpas, pero é a solución que neste momento podemos abordar".

Víctor Torres, presidente de Canarias, explicaba que "hai unha serie de comunidades que dixeron si a poder acoller. País Vasco, Estremadura, Castela e León e Aragón, fixérono para os menores non acompañados, pero tamén para os maiores".

Ao mesmo tempo, Escrivá anunciou a apertura nas próximas dúas semanas dun centro de emerxencia en Gran Canaria con persoal estable contratado polo Ministerio de Migracións, que traballará en coordinación coa Delegación do Goberno.

Pola súa banda, o ministro español do Interior, Fernando Grande-Marlaska, descartou este venres o traslado de inmigrantes desde as Canarias cara á Península e vinculouno coas "políticas migratorias, que son do conxunto da UE, e non só de España".

"Cando se me fala de traslado á península, loitar contra a inmigración irregular tamén é evitar que se establezan unhas vías de entrada irregular en Europa", dixo Grande-Marlaska.

O ministro do Interior viaxou a Marrocos para negociar co seu homólogo a axilización das repatriacións.

Tamén esta fin de semana, a ministra de Exteriores visitará O Senegal, un dos principais punto de orixe das embarcacións que arriban nas Canarias.