CRTVG

Buscar

Marlaska confía que a situación en Cataluña volva á normalidade nos próximos días

Publicado o 18/10/2019 12:25

O ministro do Interior en funcións, Fernando Grande-Marlaska, recalcou hoxe o dano que os incidentes violentos dos últimos días están a causar á imaxe de Cataluña, pero deixou claro que se producen en momentos e lugares concretos e que "se pode visitar Barcelona con total normalidade".

O ministro, en conferencia de prensa no Palacio da Moncloa tras a reunión do comité de seguimento do que está a ocorrer en Cataluña tras a sentenza do 'procés', subliñou que os incidentes do últimos catro días están a causar un "grave desamparo aos cidadáns, un grave dano ás institucións e un grave dano á reputación de Cataluña".

Pero, a pesar das mensaxes difundidas por varias embaixadas como as de Estados Unidos, Reino Unido, Francia e Portugal sobre os riscos de viaxar a Cataluña, o ministro deixou claro que se pode visitar "con total normalidade".

Os incidentes, dixo, ocorren en lugares e momentos concretos por grupos "reducidos" aínda que están "moi organizados, cun mando e estratexia evidentes".

De momento, trátase dunha cuestión de "orde pública", dixo o ministro, confiado en que non sexa necesario pasar a outro escenario e en que nos próximos días a situación volva á normalidade.

O ministro reiterou a mensaxe de que non haberá impunidade contra os autores deses incidentes violentos e detallou que onte houbo dezaseis novas detencións e que, desde o principio dos incidentes, oito dos arrestados ingresaron en prisión por orde xudicial. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí