CRTVG

Buscar

Mariscadoras a pé do Carril cesan a súa actividade ata marzo

Publicado o 27/11/2020 13:37

O marisco de tamaño bo escasea nos bancos do Carril. Este problema, que tería a súa orixe nas riadas e temporais de hai un ano que ocasionaron moita mortaldade, levou a agrupación de marisqueo a pé a cambiar forzadamente o plan de traballo establecido.

Aínda que entramos en época de moita demanda, decidiron parar catro meses e non estragar o que sementaron.

Rolando Vidal, presidente da Agrupación de Marisqueo a Pé da confraría do Carril di: "Non imos mariscar ata o 25 de marzo. O 25 volveremos apañar". E non contan coa campaña de Nadal: "Non contamos, porque hai moi pouco marisco de talle. O esforzo para coller unha cota que merecese a pena economicamente sería moi grande. Traballariamos por enriba do marisco pequeno, pisariámolo e estropeariámolo. Non é factible ir traballar cando tes tan pouco marisco. Non é factible".

Vidal explica que están agardando que a Xunta aprobe a adaptación do plan de traballo. Iso porá en marcha o mecanismo para que as 86 mariscadoras e mariscadores afectados perciban axuda económica durante este paro por causa de forza maior. O presidente da agrupación critica a inacción da Confraría como intermediaria coa Consellería.

O presidente da Agrupación de marisqueo a pé da Confraría do Carril di: "A confraría non quere informar. Non quere mandar o papeleo. O patrón maior négase a enviar os papeis á Consellería do Mar. E a Xunta escúdase en que se a confraría non o manda non vai adaptar o plan. A Xunta ten toda a documentación, porque lla enviou á agrupación, nós. Tería que obrar de oficio. Non sabemos por que non o fai".

Mentres tanto, mariscadoras e mariscadores a pé da agrupación do Carril non van apañar porque consideran que destruirían o que está medrando para obter pouco produto de talle comercializable.

Noticias web

27/11/2020