CRTVG

Buscar

O presidente de Italia encárgalle a Mario Draghi un "goberno de emerxencia"

Publicado o 02/02/2021 22:17

• Conte non logra encabezar o seu terceiro executivo polas discrepancias entre os seus antigos aliados, especialmente con Renzi

O expresidente do Banco Central Europeo (BCE) Mario Draghi será o encargado de formar un goberno de emerxencia en Italia, despois de que os antigos socios gobernamentais non atopasen un entendemento para reeditar o anterior Executivo.

O xefe do Estado, Sergio Mattarella, convocou para este mércores ao mediodía o prestixioso economista para tentar poñer fin a esta crise política, causada polo exprimeiro ministro Matteo Renzi ao retirar o seu partido, Italia Viva (IV), da antiga coalición.

"Fago un chamamento a todas as forzas políticas do país para que dean vida a un Goberno que non se identifique" con ningún partido e que sexa de "alto perfil" para "afrontar a emerxencia presente", ao referirse a unha tripla crise "sanitaria, social e económica", dixo Mattarella.

Na súa intervención, o presidente da República dixo que a outra opción posible nestes momentos era celebrar eleccións, pero xustificou a súa decisión de non convocalas porque suporía a falta de goberno en plenitude das súas funcións durante meses cruciais na loita contra a pandemia.

O presidente da Cámara dos Deputados, Roberto Fico, recibira o pasado venres o encargo por parte do xefe do Estado de sondar os antigos socios gobernamentais unha posible reconciliación para conformar unha nova maioría: Movemento Cinco Estrelas (M5S), o PD (centroesquerda), LeU (esquerda) e IV (centro), de Renzi. A eles sumouse o recentemente creado grupo de "Europeístas".

Tras unha rolda de consultas entre o sábado e o domingo, estes partidos comezaron a debater un programa político común o luns e continuaron este martes. Nos últimos días viña falando dun bo clima entre os antigos socios, pero este martes fontes próximas ás conversacións confirmaron que había certo pesimismo polas esixencias do partido de Renzi en diferentes materias como Xustiza.

O exprimeiro ministro, que o luns confiara en que "ao final da semana" ía haber un Goberno, dixo este martes nas redes sociais que Italia Viva tomaba "nota do 'non' dos exsocios de goberno" sobre cuestións como a xustiza, sanidade ou educación, e encomendouse á sabedoría do presidente da República, Sergio Mattarella.

O xefe político do Movemento 5 Estrelas ( M5S), Vito Crimi, lamentou que a pesar de que os antigos socios fixeron "un gran esforzo para tentar crear un Goberno que xestione a pandemia" e os "asuntos urxentes do país", Italia Viva obstruír continuamente as conversas. "Está claro que o obxectivo era obter máis ministerios e decidir sobre os ministerios dos demais partidos. Quen puxo impedimentos foi Matteo Renzi", resolveu.

Tamén a senadora do partido gobernamental Libres e Iguais (LeU) Loredana De Petris culpou a Renzi da ruptura: "Fixemos un grande esforzo nestes días para chegar a un acordo e pensabamos que realmente ían darse as condicións para seguir adiante, pero a postura de Italia Viva non se moveu". 

Os escollos para superar eran varios, entre eles a figura do primeiro ministro, que todos os partidos excepto IV tiñan claro que debía ser o primeiro ministro en funcións, Giuseppe Conte, e tamén había que definir o equipo de goberno. O senador de IV Davide Faraone indicou á saída da reunión que a ruptura era froito de que a antiga maioría propoñía "o mesmo esquema". "Non puxemos ningún veto a Conte, pero tampouco o apoiamos. Se me propós o mesmo primeiro ministro, dáme elementos de cambio co antigo Goberno, nas reformas, no equipo de ministros", proseguiu Faraone.

Outros escollos para resolver eran a xestión dos 209.000 millóns que poderá recibir Italia do fondo europeo de recuperación ou a posibilidade de que Italia acuda ao Mecanismo Europeo de Estabilidade ( MEDE), sistema ao que sempre se opuxo o M5S porque considera que conleva austeridade, e que Renzi ve con bos ollos.

Pola súa banda, os partidos da dereita, Liga, Irmáns de Italia e Forza Italia, insistiron en que é fundamental poñer fin a esta crise de inmediato para que o país poida seguir adiante.

Forza Italia mostrouse nos últimos días disposta a apoiar un goberno de unidade nacional e este martes o senador Maurizio Gasparri criticou a Renzi por desatar esta situación de incerteza: "É un político que cun 2 % de intención de voto está a causar un caos en Italia tremendo". 

 

Noticias web

02/02/2021