CRTVG

Buscar

Marino Giménez nega a implicación dos Moróns no tiroteo do Porriño e carga contra a prensa

Publicado o 20/05/2019 21:23

O tiroteo desta fin de semana nunha festa de familiares de etnia xitana en Torneiros está deixando concentracións de repulsa á violencia entre os supostos bandos enfrontados dos Moróns e os Zamoranos. Mentres, os dous feridos evolucionan favorablemente, e a Garda Civil investiga o sucedido.

Amplísimo despregamento policial esta tarde en Vigo na concentración convocada hoxe polo chamado clan dos Moróns. Una trintena de axentes da Policía Nacional identificaron unha por unha as personas reunidas no exterior do cemiterio do Pereiró.

A familia de Sinaí Giménez desmárcase do tiroteo da madrugada do domingo nunha festa de pedida de membros do denominado clan dos Zamoranos no polígono de Torneiros no Porriño. Algúns relacionan o suceso cun xuízo que se celebrará nas vindeiras semanas contra os Moróns en que estarán 13 testemuñas protexidas por parte dos Zamoranos.

"Como imos botar máis leña ao lume? Está claro que así non imos solucionar nada. Terémolo que solucionar como xitanos que somos, temos a nosa cultura, e mandaremos os nosos anciáns a mediar dalgunha maneira, para que isto non vaia a máis e acabe, como sempre pasou", asegurou Marino Giménez. 

Un voceiro da Sociedade Xitana de Galicia leu un comunicado en que acusan a prensa e a alcaldesa do Porriño de terxiversar a información e enfrontar os xitanos da comarca.

Esta mañá concentrábanse no Porriño veciños, grupos municipais e familiares dos Zamoranos para condenar a violencia e reivindicar unha convivencia pacífica.

No tiroteo quedaron feridos por impacto de bala un mozo que xa foi dado de alta e unha menor de quince anos que segue hospitalizada polo impacto dunha bala que lle deu na cara e se aloxou preto do oído. De momento non houbo detencións pero a Garda Civil ten identificadas dúas persoas en relación con estes feitos.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/05/2019