CRTVG

Buscar

Marina Meridional deberá pagar o 22 de setembro os 7,8 millóns pactados por Vulcano

Publicado o 30/07/2020 11:01
Marina Meridional deberá pagar o 22 de setembro os 7,8 millóns pactados por Vulcano

O Xulgado do Mercantil 3 de Pontevedra citou para o próximo 22 de setembro nunha notaría de Vigo a Marina Meridional para que faga efectivo o pago dos 7,8 millóns de euros que ofreceu polo astillero Vulcano, en proceso de liquidación.

Nun auto, segundo informa Efe, o xuíz Sergio Burguillo dispón que si ese día o grupo empresarial de José Alberto Barreiras non realiza o pago do prezo estipulado ou directamente non comparece á cita "considerarase desistida a sociedade ofertante" e perderá o depósito constituído.

Hai dúas semanas, José Alberto Barreras deixou entrever que se non aceptaban o seu plan de pagos, co desembolso definitivo dos 7,8 millóns que ofreceu por Vulcano, o 31 de marzo de 2021 desistiría do seu proxecto.

Agora ben, dixo que daba de prazo ata setembro, o mesmo que agora lle dá o xulgado, para negociar con diferentes administracións e para madurar máis un proxecto industrial "de categoría".

Entón, Barreras dixo que non se lle pode esixir que "mañá entregue un diñeiro sen saber se existe ou non unha concesión", en alusión á pretensión do Porto de Vigo de dar por extinguida a que incumbe os terreos de dominio portuario que ocupan as instalacións de Vulcano e que remata en 2027.

O consello de administración do Porto abordará mañá esta cuestión tras o ditame do Consello de Estado que avala a súa tese, en contra do que resolveu a Audiencia de Pontevedra, que confirmou a vixencia da concesión administrativa e a súa venda na unidade produtiva do estaleiro.