CRTVG

Buscar

Marín vai continuar no nivel alto de restricións

Publicado o 30/04/2021 15:02

Hoxe Marín latexaba a un ritmo aparentemente normal, coma calquera outro venres, pero, no fondo, os veciños tiñan unha palpitación, non falaban doutra cousa.

"Que hoxe se reunen e a ver o que pasa, que a ver que solución temos, a ver se non nos pechan perimetralmente", comenta Ana Isabel García, camareira.

"Se hai que pechar, teñen que pechar, non queda outra, o malo é a xentiña que vive da hostalaría", apunta Roberto Guisande, veciño de Marín.

Da hostalaría e tamén do comercio. Perden os clientes de fóra. Antonia, que é de Moaña, aproveitou que foi a Marín renovar o DNI para facer unhas compras.

"Estabamos comentado agora que menos mal que decidín vir comprar hoxe, porque se non outro día igual non podo", apunta Antonia Bermúdez, veciña de Moaña.

"Esta clienta que acaba de saír agora que vén de Moaña, temos moita xente de Bueu, temos moita xente de Pontevedra, afecta a todo o mundo", comenta María José Santiago, que rexenta un comercio de roupa dende hai 35 anos.

Nos últimos 14 días diagnosticáronse 93 novos contaxios, dos que 44 son da última semana, o que sitúa Marín coma a vila coa peor incidencia de toda Galicia, incluso por riba de Vilanova. Entre os veciños hai moito enfado e sinalan con dedo acusador cara ao porto como o culpable de aumento de positivos.

"O mal de Marín ven polo mar, por que non se decatan?", afirma  Francisco Pousada, veciño de Marín

"Veñen os barcos grandes de fóra e non lle fan as PCR que teñen que facerlles e entón contaxian todo Marín", fala Ana Isabel García, camareira.

"Isto é un desastre, o mariñeiro debe de estar protexido, para que non nos contaxie a nós", puntualiza Francisco Pousada.