CRTVG

Buscar

María Xosé Queizán: "Unha non é o que se considera, é o que é"

Publicado o 04/12/2018 17:47

Repasa os álbums de fotos da súa vida. Acaba de publicar as súas memorias. Setecentas páxinas para 79 anos en que demostrou Vivir a galope. María Xosé Queizán asegura que non quixo facer un axuste de contas, só contar a súa vida. Mais esclarecer unha vida e iluminar as dos demais, dicía Simone de Beauvoir.

"Ou non escribo as miñas memorias ou escribo o que eu vivín, entón... sálvese quen poida".

Naceu en Vigo, filla póstuma dun avogado republicano que morreu loitando no bando nacional. A súa grande herdanza foron os libros e revistas que lería de nena naquel Vigo da posguerra. Criouse cunhas mulleres que non encaixaban na época.

"Na miña familia había ben pois unha especie de liberdade en maneiras de compostarse diferentes ás que tiñan as casas fascistas daquel momento con señoras da sección feminina e cousas desas".

Cando tiña dez anos, a nai casa cun alto funcionario de prisións, o que a leva a vivir nos cárceres de Vigo, Cáceres e Xixón, onde descobre a crúa realidade das cadeas franquistas.

"A fame era tan espantosa que daquel lugar saía un dous presos mortos cada día e eu vía aquilo dende unha fiestra. Eu miraba como saían e era horrible".

Un momento crucial da súa formación foi a chegada ao París do existencialismo. Unha viaxe da escuridade da ditadura de Franco á Cidade da Luz. Alí atópase cos novos xeitos de narrar, que se axustarían ás súas conviccións materialistas. Escribe a súa primeira novela: A orella no buraco.

"Eu cando fun a París era existencialista, e logo en París cambiei. Lin o Noveau Roman e xa pasei a escribir a miña primeira novela obxectalista porque isto caeu mellor en min". "Non concibo a influencia sobre un campo baleiro. Hai un negativo que no meu caso era a tendencia materialista e aquilo veume moi ben porque era todo materia".

Doce anos vertixinosos: o seu matrimonio co tamén escritor Xosé Luís Mendez Ferrín e o nacemento dos seus dous fillos coinciden cunha intensa actividade cultural e política. Será actriz, galerista, escritora, ama de casa.

Todo iso acontecía durante a resistencia á ditadura. Vivía vixiada, a súa vivenda rexistrada. O seu marido acabaría na cadea.

Porque non nos xogabamos o traballo, xogabamos a vida en último extremo e en primeiro a cadea, e as persecucións e a angustia. Aquilo si que era forte.

E, de súpeto, o silencio. Queizán lembra e a ruptura matrimonial, que implica unha perda de amizades. Os seus camaradas nacionalistas de esquerdas tampouco comprenden o feminismo. A sociedade dálle as costas.

"Era a primeira vez en Vigo que houbo unha separación de dúas persoas coñecidas. Había un rexeitamento moi grande por parte da xente, unhas miradas, unhas cousas... eu ía pola rúa como se fose María Magdalena".

A nova vida da escritora implica un forte compromiso co feminismo. Amizades renovadas de distintas clases sociais e novas perspectivas. Queizán convértese nunha personaxe incómoda para o establisment da dereita pero tamen da esquerda. Funda a revista A festa da palabra silenciada e colectivos como Feministas Independentes Galegas.

"Eu son lesbiana antes de coñecer ningunha muller, nin gustarme ningunha muller nin ver nada con ningunha muller. Eu son lesbiana o día que decido que non quero ter nada cos homes".

Dez novelas, 13 ensaios, sete libros de poesía e seis obras de teatro, dous libros infantís e dous guións cinematográficos. Unha nutrida obra xornalística. A voz de Queizán nunca puido ser silenciada.

"Unha non é o que se considera, é o que é. Logo as demais considérana e unha acepta certas consideracións, outras non. En realidade, non hai nada que te propoñas de antemán, eu non me propuña ser unha rebelde, pero érao".

Di que a súa vida foron moitas vidas. O último episodio é este libro, estas memorias que xa son controvertidas, quizais outra consecuencia de Vivir a galope.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/12/2018